un proxecto do ceip MESÓN DO VENTO dentro do plan proxecta
HORTINAUTAS |
“Hortinautas” busca transformar ao alumnado participante en exploradores da nosa paisaxe (natural e urbana) máis próxima. Nun momento no que a carreira espacial traballa por chegar a planetas nunca antes explorados, o futuro no planeta Terra débese centrar na reconquista dos territorios esquilmados, axudar a natureza a repoboar terras contaminadas, sobreexplotadas ou erosionadas, dándolles así unha nova oportunidade, dando tamén esa oportunidade á humanidade para poder vivir nun ambiente máis san e respetuoso. En palabras de T.S. Eliot “non deixaremos de explorar e ao final da nosa búsqueda chegaremos a onde comezamos e coñeceremos por primeira vez o lugar”.
Seguindo esta filosofía, en “Hortinautas” transformarémonos en astronautas do próximo para descubrir novos e, en moitas ocasións, minúsculos mundos descoñecidos que tan preto de nós se atopan. Exploraremos e redescubriremos a nosa paisaxe intentando implicar todo o posible aos que nos rodean. Partindo da realidade máis próxima crearemos un horto escolar facendo que novas formas da natureza cheguen a un espazo de sobra coñecido no centro, coa excepcionalidade de que aprenderemos a ver ese espazo cos ollos de alguén que alí chega por primeira vez. Queremos chegar máis alá, saír do entorno máis próximo e implicar a toda a Comunidade educativa e outras institucións do noso Concello. Facer chegar a nosa mensaxe de que coas nosas accións, aínda sendo pequenas, podemos mellorar ou empeorar a nosa contorna, tentando facer unha chamada urxente ás demais persoas para que todos e todas xuntemos forzas e saiamos airosas, polo noso propio ben, e poder deixar aos nosos unha herdanza dun medio san e fermoso, pois cando contribuímos ao paisaxe, reclamámolo como algo noso: convertémonos en participantes activos e en creadores parciais da súa propia linguaxe. |
Durante este curso, no Ceip Mesón do Vento, imos traballar no Programa Paisaxe e Sustentabilidade co fin de poñer en marcha un traballo colaborativo, a partir do cal o alumnado tome conciencia da importancia da paisaxe como elemento fundamental da súa vida e siga a coidar da nosa contorna.
As súas iniciativas irán encamiñadas a mellorar actitudes de cara o medio ambiente para acadar un xeito de vida máis sostible, sendo ao mesmo tempo, conscientes do impacto que as nosas propias accións teñen sobre a paisaxe e a mesma natureza. |